Xuízos de Núremberg
Este artigo contén varias ligazóns externas e/ou bibliografía ao fin da páxina, mais poucas ou ningunha referencia no corpo do texto. Por favor, mellora o artigo introducindo notas ao pé, citando as fontes. Podes ver exemplos de como se fai nestes artigos. |
Os Xuízos ou Procesos de Núremberg son os nomes que recibiron os xuízos levados a cabo polos aliados contra algunhas das principais figuras do réxime nazi, trala fin da segunda guerra mundial. De forma paralela, leváronse a cabo os Xuízos de Toquio para condenar aos criminais de guerra nipóns. Os xuízos realizáronse entre o 20 de novembro de 1945 a 1949 na cidade alemá de Nuremberg. Foron condenados principalmente por crimes en contra da paz, crimes de guerra e crimes en contra da humanidade.
As probas que se realizaron ás principais figuras do réxime nazi durante estes xuízos estiveron baseadas no método intrapsíquico (postulado por Sigmund Freud).
A lexitimidade
[editar | editar a fonte]Aínda que a lexitimidade do Tribunal estivo en interdito nun primeiro momento, ó non existir precedentes similares en toda a historia do Dereito, os traballos realizados para a tipificación dos delitos, tamén até entón inauditos na súa magnitude, e os procedementos para o desenvolvemento da causa servirían en adiante para o desenvolvemento da xustiza internacional.
Deste xeito concretáronse conceptos sobre delitos anteriormente ausentes ou vagamente definidos, como o de crime contra a humanidade, evocado na Convención de La Haya de 1907. Tamén resultou modificado o enfoque tradicional das regras do dereito internacional que se centraban nas relacións entre Estados, pero non nos dereitos e deberes das persoas individuais. Dende entón, os delitos cometidos por individuos dunha nación ó longo e ancho de varios países, poderían ser xulgados internacionalmente polo conxunto dos países afectados, como foi precisamente na formación da corte de xustiza de Núremberg.
Os delitos
[editar | editar a fonte]Cinco foron os delitos imputados ós acusados:
- Crimes contra a paz e crimes de guerra baseándose na existencia dunha premeditación para alterar a paz e na existencia de asasinatos, torturas, violacións contrarias ás Leis da Guerra.
- Crimes contra a humanidade cando se trataba do exterminio e morte en masa.
- Xenocidio cando se trataba da mesma morte en masa pero de grupos étnicos determinados.
- Complot de guerra entendido como proceso para atentar contra a seguridade interior dun Estado soberano.
Os acusados
[editar | editar a fonte]De 4.850 peticións de procesamentos individuais, foron acusadas 611 persoas. Ós grupos catalogóuselles entre organizacións non criminais, onde se atopaba a estrutura do Estado (Goberno e Exército) e as criminais, que foron todas aquelas estruturas paralelas do poder nazi como a Gestapo, as SS e o Partido Nazi. Os máis destacados foron: Karl Dönitz, grande almirante da Frota Alemá e sucesor de Adolf Hitler tralo seu suicidio; Rudolf Hess, xeneral das SS e lugartenente de Hitler, fuxido a Gran Bretaña e capturado en 1941; Hermann Göring, xefe das SS e presidente do Reichstag; Alfred Jodl, xefe do Estado Maior da Wehrmacht; Wilhelm Keitel, xefe do Alto Mando de Wehrmacht; Alfred Rosenberg, ideólogo do Partido Nazi; Joachim von Ribbentrop, ministro de Asuntos Exteriores; Albert Speer, arquitecto e ministro de Armamentos; Franz von Papen, embaixador nazi en Austria e Turquía.
Entre quen morreran ou fuxiran denantes de seren xulgados atopábanse o propio Adolf Hitler, Joseph Goebbels, Ministro de Propaganda que se suicidou ó igual que Heinrich Himmler, xefe da Gestapo e ideólogo do exterminio xudeu; e os fuxidos Adolf Eichmann, alto dirixente do Partido Nazi e encargado da loxística do exterminio, e Martin Bormann, secretario persoal de Hitler dende 1942.
Os xuízos
[editar | editar a fonte]Propiamente existe un xuízo levado a cabo polo Tribunal Penal Militar Internacional, instituído por medio da Carta de Londres, en 1945. Existiron ademais unha serie de xuízos levados a cabo con posterioridade ó principal, onde se xulgaron ós funcionarios menores do Estado, Exército, doutores e industriais alemáns.
A lista dos xuízos é a seguinte:
- O xuízo dos doutores, seguido contra 24 médicos que practicaron macabras investigacións en humanos nos campos de concentración. O máis famoso deles, o anxo da morte Josef Mengele, logrou fuxir.
- O xuízo contra Erhard Milch, mariscal de campo alemán, acusado de graves crimes en campos de concentración.
- O xuízo dos xuíces, seguidos contra 16 avogados e xuíces que estableceron o aparello xurídico nacionalsocialista.
- O xuízo de Pohl, seguido contra a oficina Endlösung, encargada administrativa dos campos de concentración e exterminio. O seu xefe era Oswald Pohl.
- O xuízo de Flick, seguido contra o industrial alemán Friedrich Flick, pola utilización de traballo escravo e crimes contra a humanidade.
- O xuízo á IG Farben empresa química industrial alemá, que ó igual que Flick e Krupp, utilizou o traballo escravo.
- O Caso austral ou Xuízo dos reféns, no cal se perseguiu a responsabilidade do alto mando alemán polos masacres e graves violacións ás Leis da Guerra durante a Campaña dos Balcáns.
- O xuízo RuSHA seguido contra os promotores da idea de pureza racial e do programa Lebensborn.
- O macabro xuízo aos Einsatzgruppen, seguido contra as brigadas da morte das SS que practicaban o exterminio local dos xudeus por medio dos Einsatzgruppen.
- O xuízo de Krupp, seguido contra os dirixentes do famoso grupo industrial, pola súa participación na preparación da guerra e a utilización de traballo escravo durante a mesma.
- O xuízo dos Ministerios, seguido contra os dirixentes do Estado Nazi pola súa participación en atrocidades cometidas tanto dentro de Alemaña como nos territorios ocupados.
- O xuízo do Alto Mando, seguido contra os xenerais do Exército, Armada e Forza Aérea alemá, pola comisión de graves e terríbeis atrocidades durante a guerra.
O xuízo principal
[editar | editar a fonte]O xuízo principal contra as principais figuras do Estado e Exército Nazi levouse a cabo no Palacio de Xustiza de Núremberg.
Xuíces e Fiscal
[editar | editar a fonte]O Tribunal estivo composto por un xuíz titular de cada un dos principais países aliados e o seu respectivo suplente. Estes foron:
- Geoffrey Lawrence (Titular Reino Unido)
- Norman Birkett (Suplente Reino Unido)
- Francis Biddle (Titular Estados Unidos)
- John J. Parker (Suplente Estados Unidos)
- Henri Donnedieu de Vabres (Titular Francia)
- Robert Falco (Suplente Francia)
- Iona Nikitchenko (Titular Unión Soviética)
- Alexander Volchkov (Suplente Unión Soviética)
O fiscal xefe da Corte foi o xuíz norteamericano Robert H. Jackson, coa axuda dos fiscais Hartley Shawcross do Reino Unido, o Xeneral Rudenko pola URSS, e François de Menthon e Auguste Cahmpetier de Francia.
Acusados e penas
[editar | editar a fonte]Durante o xuízo principal a Fiscalía do Tribunal presentou acusación en contra de 24 líderes nazis. De todos eles só Albert Speer, Hans Frank e Baldur von Schirach expresaron o seu remordemento polos crimes cometidos. En resumo o tribunal ditou 11 condenas a morte, 3 condenas a presidio perpetuo, 2 a vinte anos, unha a 15 e outra a 10 anos. O dono das fábricas Krupp foi declarado incapaz de soportar un xuízo. Hans Fritzsche, Franz von Papen e Hjalmar Schacht foron absoltos dos seus cargos.
Nome | Cargo | Condena |
---|---|---|
Martin Bormann | Sucesor de Hess como secretario do Partido Nazi | Morte -en ausencia- |
Almirante Karl Dönitz | Sucesor de Hitler e comandante da Armada Alemá | 10 anos |
Hans Frank | Gobernador xeral de Polonia | Morte |
Wilhelm Frick | Ministro do Interior, autorizou as Leis Raciais de Nuremberg | Morte |
Hans Fritzsche | Axudante de Goebbels no Ministerio de Propaganda | Absolto |
Walter Funk | Ministro de Economía | Prisión perpetua |
Xeneral Hermann Göring | Comandante da Luftwaffe | Morte |
Rudolf Hess | Axudante de Hitler | Prisión perpetua |
Xeneral Alfred Jodl | Comandante do Exército do Leste | Morte |
S.S. Ernst Kaltenbrunner | Comandante dos campos de exterminio e dos Einsatzgruppen | Morte |
Xeneral Wilhelm Keitel | Comandante do Exército Alemán | Morte |
Gustav Krupp | Industrial que se beneficiou do traballo escravo | Sen condena |
Robert Ley | Xefe do Corpo Alemán do Traballo | Sen condena |
Konstantin von Neurath | Protector de Bohemia e Moravia | 15 anos |
Franz von Papen | Ministro e viceministro de Relacións Exteriores | Absolto |
Almirante Erich Raeder | Comandante en xefe da Armada Alemá | Prisión perpetua |
Joachim von Ribbentrop | Ministro de Relacións Exteriores | Morte |
Alfred Rosenberg | Ideólogo do racismo e Protector dos Territorios Orientais | Morte |
Fritz Sauckel | Director do programa de traballo escravo | Morte |
Hjalmar Schacht | Ex director do Reichsbank | Absolto |
Baldur von Schirach | Líder das Xuventudes Hitlerianas | 20 anos |
Arthur Seyss-Inquart | Líder da anexión de Austria e xefe dos Países Baixos durante a ocupación militar | Morte |
Albert Speer | Líder nazi e ministro de Armamento | 20 anos |
Julius Streicher | Xefe do periódico antisemita Der Stürmer | Morte |
Cumprimento das penas
[editar | editar a fonte]Os condenados a morte foron executados o 17 de outubro de 1946, por vía de aforcamento. Hermann Göring suicidouse na véspera cunha cápsula de cianuro, e Robert Ley o 25 de outubro de 1945, antes do veredicto. Despois do seu aforcamento, os restos foron cremados e as cinzas desperdigadas no río Isar.
Martin Bormann foi xulgado e condenado en ausencia, pese a que con posterioridade se soubo que morreu durante a caída de Berlín, o 2 de maio de 1945.
Os condenados a cadea perpetua cumpriron a súa pena na Prisión de Spandau, ata a morte do último deles, Rudolf Hess en 1987. De todos os condenados a penas de cárcere, só catro as cumpriron a cabalidade, xa que Neurath (en 1954), Raeder (en 1955) e Funk (en 1957) foron liberados. Durante máis de 20 anos o único ocupante foi Hess, despois da liberación de Speer en 1966.
Efectos posteriores
[editar | editar a fonte]O conxunto de procedementos levados a cabo tanto en Núremberg como en Toquio, significaron o establecemento de regras básicas de persecución de criminais de guerra e a determinación de tales delitos.
Dentro destes efectos, serve destacar que o Tribunal fixou as bases do que sería chamado erroneamente os Principios de Núremberg, hoxe recollido en varios aspectos nos Tribunais Internacionais para a ex Iugoslavia e Ruanda.
O legado destes Tribunais Internacionais (Toquio e Núremberg) sen dúbida é a Corte Penal Internacional, establecida en Roma en 1998 e que conta como base fundamental das súas regras de procedemento os Estatutos dos Tribunais de Núremberg, Toquio, ex Iugoslavia e Ruanda.
Foi de vital importancia, tamén, ó redactarse:
- A Convención contra o Xenocidio de 1948
- Declaración Universal de Dereitos Humanos 1948
- Convencións de Xenebra de 1949 e os seus protocolos de 1977.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Commons ten máis contidos multimedia sobre: Xuízos de Núremberg |